Comunicado de Cuac FM: “A Xustiza da a razòn a Cuac FM no seu recurso contra a Xunta de Galicia e garante o seu dereito a emitir en FM”

Recollemos aqui os dous comunicados de Cuac FM sobre o fallo favorable do TSXG ao recurso presentado pola emisora comunitaria coruñesa contra a Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia.

Os textos orixinais podense consultar nos seguientes enlaces:

A Xustiza da a razòn a Cuac FM no seu recurso contra a Xunta de Galicia e garante o seu dereito a emitir en FM

Comunicado oficial: #CuacVolve

COMUNICADO CUAC FM

Un ano e un mes despois de que  CUAC decidise cesar as emisiòns na FM por mor da apertura do expediente sancionador, por parte da Xunta de Galicia, no que se ameazaba cunha sanciòn a esta emisora comunitaria de ata 200.00€, a Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ven de dictar unha sentenza no que estima o recurso presentado pola Asociación Colectivo de Universitarios Activos (CUAC) contra a prohibición de emisión radiofónica en FM ditada pola Xunta de Galicia na resoluciòn de dito expediente sancionador do pasado mes de febreiro de 2018.

Dita sentenza, ditada con data de 29 de outubro de 2018, consta dos seguintes puntos:

  1. O TSXG admite o recurso presentado por CUAC contra a a resoluciòn do expediente sancionador no apartado 2 no que a Xunta advirte a Cuac FM “que podería ser sancionada se continuase coa actividade”
  2. O TSXG declara que a Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia infrinxiu “os dereitos fundamentais de CUAC” por vulnerar o artigo 20 da Constitución Española que recoñece o dereito da cidadanía á liberdade de expresión e comunicación,  no que se inclue do dereito “de creación e uso de medios de comunicación, neste caso dos servizos de comunicación audiovisual comunitarios”. Asi, o dereito á creación de medios de comunicación “a través dos cales difundir ideas, opinións e información” é unha “das liberdades recoñecidas” na Constitución.
  3.  O TSXG declara na sentenza que Cuac FM ten vixente unha garantía temporal de emisión (que lle negaba a Secretaría Xeral de Medios) mentres a administración competente “non se pronuncie de forma motivada e clara sobre a falta da devandita garantía temporal”. As xuízas do TSXG argumentan que a lexislaciòn audiovisual prevé un período en que os operadores poderán seguir emitindo ata que se regule polo Estado, “prevendo a concesión das oportunas licenzas, sen que se producise aínda a regulación normativa en Galicia”.

A sentenza pode lerse na sùa integridade no seguinte enlace: Sentenza_Cuac_FM (PDF)

Asi pois, o fallo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia é estimatorio de todas as pretensións de Cuac FM, recoñece o seu dereito a emitir pola Frecuencia Modulada, outorga a Cuac FM unha garantía temporal de emisión e considera contra dereito a resoluciòn da Xunta de Galicia.

CUAC VOLVE

CUAC celebra o contido da sentenza, que estima as súas pretensións e deixa sen efecto o apercibimento de graves sancións económicas por emitir en frecuencia modulada, ao tempo que lle recoñece unha garantía temporal de emisión. O TSXG sinala tamén que a Xunta de Galicia violou os nosos dereitos fundamentais.

Dende Cuac FM entendemos que é un feito de extraordinaria gravidade que unha administración pública sexa condeada por vulnerar os dereitos fundamentais, pero máis ainda se estes dereitos son os contidos no artigo 20 da Constitución Española.

Non estamos a falar dun asunto menor, falamos da expulsión do espectro radioeléctrico dun medio de comunicación e da posta en risco dun servizo de comunicación comunitario sen ánimo de lucro que leva 22 anos servindo á cidadanía coruñesa.

CUAC FM leva un ano e un mes fóra do seu espazo natural, do lugar que lle é propio, as ondas hertzianas. E ninguén pode reparar ese dano. Temos motivos abondo para sentir rancor polo tempo perdido, pero eses sentimentos non agroman nesta asociación, neste grupo humano, nesta familia.

Porén, tendemos a man e aceptaremos de bo grao calquera desculpa que dende a Xunta de Galicia se nos faga chegar. Agardamos que este desencontro sexa o último, e que a partires de agora poidamos ter unha relación fructífera que redunde no ben común.

A asemblea de CUAC aprobou de xeito unánime a súa volta á frecuencia modulada á maior brevidade posible. Mañá mesmo procederemos a comezar as nosas emisións en probas, despois de rematar a revisión dos nosos equipos técnicos, e emprazamos á cidadanía da Coruña a celebrar connosco o retorno ao dial o vindeiro sábado, acompañándonos nunha emisión especial con xornada de portas abertas na nosa emisora, que comezará ás 13:34 horas.

Por último, a asemblea de CUAC quere agradecer ás institucións e ás persoas físicas e xurídicas que neste longo ano nos amosastes o voso apoio e afecto. Nunca o esqueceremos. Esta victoria xudicial, non é so nosa, é tamén de todas e cada unha de vós. Moitas grazas. CUAC xa non resiste. CUAC VOLVE! #CuacVolve

Anuncios