Xente da Coruña

Actores con Dna. Angelita, 1941
Actores con Dna. Angelita, 1941

Na nosa casa familiar da Cidade Vella, consérvanse centos de fotografías da familia e dos amigos. É a nosa crónica gráfica que abrangue desde os primeiros anos do século xx até hoxe.

Nestes días, para un traballo da Senior, ando a facer unha pequena escolla en tres apartados que nomeo Homes, Mulleres e Xente da Coruña.

Hai cousas moi interesantes, pero hoxe fíxome nesta, o cadro de actores afeccionados de Dna. Angelita, muller que, logo de traballar de empregada doméstica, casóu co seu señor, un viúvo moito máis vello ca ela, e empregou os seus esforzos en adquirir e espallar a cultura. Hoxe é coñecida porque foi a mecenas do que agora é o Colexio Público Anxo da Garda e dá o seu nome a unha rúa coruñesa, Rúa Ángela Blanco de Soto, no barrio do Castrillón.

Que por que teño esta fotografía? Pois porque miña nai, daquela Berta Carnot– o apelido sufríu oscilacións na súa nomenclatura por cuestións do Rexistro e por fin quedou no enxebre Carnota- foi actriz afeccionada con Dna. Angelita e noutros grupos. Ela é a rapaza das trenzas ; a terceira pola dereita da segunda fila a súa querida amiga para sempre, Carmen Vázquez; a seguinte Dna. Angelita, e a sexta a súa curmá da alma Blanca Castelo.

Esta é a miña homenaxe ás mulleres coruñesas, coñecidas ou anónimas: fortes, emprendedoras, que viviron malos tempos e souberon facer un mundo mellor.

por Pilar Añón